Friday 13 de September de 2024

O Concello de Fene completa a rede de abastecemento en Limodre


O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, supervisaron o desenvolvemento das obras, que dan resposta a unha histórica demanda veciñal.

O investimento nestas actuacións ascende a 100.648,64 euros, con cargo ao POS+ Adicional da Deputación da Coruña

O Concello de Fene está a executar as obras de dotación de abastecemento de auga na parroquia de Limodre nos lugares do Camiño Grande – O Cotillón, A Fraga e O Sino. Unha intervención coa que se completa a rede de abastecemento municipal no conxunto de Limodre, garantindo o acceso á auga potábel a todas as vivendas da parroquia, e dando resposta así a unha histórica demanda veciñal.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, realizaron unha visita ás obras para supervisar o seu desenvolvemento e constatar a súa finalización dentro dos prazos previstos. Durante a visita, o alcalde destacou que “coa culminación destas obras, daremos resposta a unha necesidade moi demandada pola veciñanza, completando a rede de abastecemento e mellorando a calidade de vida na parroquia de Limodre”. Lembrou o rexedor que nos últimos anos “algunha das vivendas que até o de agora non dispuñan de servizo de auga tiveron problemas de escaseza nos seus pozos”.

Pola súa parte, Manuel Polo subliñou o aspecto técnico das actuacións realizadas, explicando que “as obras implicaron a instalación de novas canalizacións que conectan coa rede existente, asegurando unha subministración constante e eficiente de auga mesmos nos meses de verán”. Destacou Polo que “o uso de técnicas de perforación horizontal dirixida permitiu minimizar o impacto das intervencións sobre as estradas principais”.

Estas obras, que foron adxudicadas por 100.648,64 euros, están financiadas con cargo ao POS+ Adicional 2/2021 da Deputación da Coruña. Unha intervención que comprende a instalación de tubaxes de polietileno de alta densidade ao longo das vías municipais, respectando as características xeotécnicas e topográficas da zona para garantir a durabilidade e eficiencia da infraestrutura.

Con esta intervención, que conta cun prazo de execución de seis meses, o Concello de Fene continúa avanzando na dotación de infraestruturas básicas dentro do conxunto de melloras que o ente municipal está a desenvolver en todo o termo municipal.